Son actos de rendición de contas do alcalde e de todos os integrantes do goberno municipal de Santiago. Encontros nos que se dá unha comunicación AO VIVO entre a cidadanía e o executivo local co obxectivo de constituír un novo espazo participativo no que veciñanza e goberno poidan conversar e establecer relacións directas.
Por que agora e non antes?
Os encontros do goberno AO VIVO son un paso máis no labor de abertura do Concello á cidadanía. Durante o primeiro ano e medio deste mandato o goberno municipal reuniuse con case a totalidade do tecido asociativo da cidade co obxectivo de recuperar a confianza na institución. Encontros e visitas a barrios e parroquias nas que o asociacionismo veciñal foi o mellor aliado para testar as necesidades da cidade e así construír a auditoría cidadá que hoxe guía o labor de goberno. Unha vez finalizado este proceso, é a vez de contrastar coa veciñanza AO VIVO todo o recollido, de marcar prioridades, incorporar demandas e explicar problemáticas onde as haxa.
Haberá encontros en todos os barrios e parroquias?
Co obxectivo de abarcar todo o territorio realizaranse nove encontros AO VIVO, repartidos en 6 áreas urbanas e 3 áreas rurais. Cada unha da áreas agrupará a un conxunto de barrios ou parroquias próximos que moitas veces comparten problemáticas. O feito de ser un número reducido de barrios tamén permitirá que se traten temas concretos de cada barrio ou parroquia.
Que temas se poden tratar?
Todos os que teñan que ver co goberno municipal, coas demandas da cidadanía, cos proxectos en marcha ou cos proxectos futuros. Aínda que se divida o termo municipal en áreas, os temas a tratar poden ser referentes a cada unha desas áreas, a un barrio ou parroquia en concreto, ou ao conxunto da cidade. Os encontros do goberno AO VIVO son unha oportunidade de corresponsabilizármonos en construír un Santiago mellor entre todas e todos.
Cando e onde se celebran?
Co obxectivo de facilitar ao máximo a asistencia cada AO VIVO celebrarase un sábado pola mañá en diferentes espazos municipais da cidade e serán anunciados con suficiente antelación. O penúltimo ou o último sábado de cada mes serán os días escollidos, facéndose público o calendario para todo o ano a principio do mesmo. Ademais, contaremos con servizos de conciliación para que quen teña crianzas poda asistir igualmente, así como un servizo de interpretación da lingua de signos.
Como se desenvolve un encontro AO VIVO?
No inicio de cada encontro o alcalde e algúns dos membros do goberno farán unha introdución ao acto no que explicarán a Auditoría cidadá que será entregada aos asistentes, en que punto estamos na resolución dos problemas, e que perspectivas e proxectos existen para o futuro. Despois desta breve primeira parte será a vez da veciñanza asistente que poderá participar AO VIVO. Para garantir que todas as persoas teñan oportunidade de falar contaremos con persoal profesional da mediación que regulará o debate, medindo tempos e favorecendo a diversidade de todas as achegas.
RURAL NORTE (Bando, Sabugueira, Carballal, Enfesta, Cesar, Barciela, Marantes, Nemenzo, Busto, Verdía, A Gracia, A Peregrina, Grixoa, Fecha e Santa Cristina)
24/11/2017 O alcalde e os concelleiros e concelleiras do Goberno local mantiveron hoxe un novo encontro "Ao vivo", desta vez coa veciñanza da área urbana sur, que engloba os barrios de Conxo, Santa Marta, Choupana, Volta do Castro e Vidán. A reunión celebrouse na Sala Agustín Magán, do Centro Cívico de Santa Marta, e contou coa asistencia de máis de medio cento de veciños e veciñas do ámbito.
27/10/2017 O grupo de Goberno mantivo esta tarde un novo encontro "Ao vivo", desta vez no Centro Sociocultural de Vite e coa veciñanza da zona Urbana Norte. Ao encontro, no que participaron preto de cen persoas, estaban convocados os veciños e veciñas dos barrios de San Roque, Basquiños, Estila, Pelamios, Almáciga, Vista Alegre, Romaño, Vite, Guadalupe, Salgueiriños, Meixonfrío e Cancelas.
07/10/2017 O Goberno local retomou os "Encontros ao vivo", e fíxoo cunha xuntanza no CSC de Marrozos dirixida á veciñanza do rural leste. Este área engloba ás parroquias de Marrozos, O Eixo, Aríns e Angrois. No encontro participou o alcalde, Martiño Noriega, que explicou que estas reunións "teñen como obxectivo que o Executivo renda contas directamente diante da cidadanía, e que os veciños e veciñas lle fagan chegar as súas peticións, máis alá das que se tramitan a través dos colectivos veciñais".
27/06/2017 O alcalde, Martiño Noriega, e os concelleiros e concelleiras do Goberno local mantiveron hoxe un novo Encontro AO VIVO coa veciñanza, desta vez coa da área da Cidade Histórica. Maís de 70 persoas asistiron á reunión, que tivo lugar na Nave 5 da Praza de Abastos.
Hoxe martes celebrarase un novo encontro AO VIVO, convocado polo goberno local para render contas diante da cidadanía e para recoller as súas queixas e suxestións. Á xuntanza están convocados os veciños e veciñas da área da cidade histórica, que inclúe a Zona Vella-Intramuros, Castrón Douro, San Lourenzo e Galeras. A cita será ás 20.00 no Mercado de Abastos.
20/05/2017 O Goberno local mantivo hoxe un novo "Encontro ao vivo" coa veciñanza da zona rural sur, que inclúe as parroquias de Roxos, Laraño, Villestro, A Rocha e San Paio. Á reunión, celebrada no Centro Sociocultural de Villestro, acudiron máis de 60 veciños e veciñas deste ámbito.
29/04/2017 Case un cento de veciños e veciñas asistiron este venres no Centro Sociocultural do Castiñeiriño ao "Encontro ao vivo" para a área urbana sureste. Esta zona inclúe os barrios de Sar, Pontepedriña, Restollal, Lamas de Abade e Castiñeiriño.
25/03/2017 Esta mañá celebrouse o segundo dos Encontros AO VIVO, desta vez dirixido á veciñanza da zona rural norte, que inclúe as parroquias de Bando, Sabugueira, Carballal, Enfesta, Cesar, Barciela, Marantes, Nemenzo, Busto, Verdía, A Gracia, A Peregrina, Grixoa, San Xoán de Fecha e Santa Cristina de Fecha. A cita celebrouse no Hotel Castro, de Formarís, coa asistencia dunhas 300 persoas.
25/02/2017 O Centro Sociocultural das Fontiñas acolleu esta mañá o primeiro Encontro ao vivoorganizado polo Goberno local para completar os procesos de participación que ten impulsados e para render contas de xeito directo coa veciñanza.